Os nenos e nenas son de si mesmos

A Convención dos Dereitos do Neno cumpre 30 anos e para facer un balance da súa aplicación e dos seus retos de futuro este venres a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu unha conferencia de Jorge Cardona, catedrático de Dereito Internacional Público da Universitat de València e antigo membro do Comité dos Dereitos do Neno de Nacións Unidas. Nela, o experto lembrou como os nenos e nenas son “cidadáns hoxe, non cidadáns do futuro” e como son “suxeitos de dereito con plena dignidade”.

Durante a súa intervención, feita no marco do Curso de Actuación Xurídica da Facultade de Dereito, Jorge Cardona lembrou como en 1990 España ratificou e entrou en vigor a Convención dos Dereitos do Neno, que, apuntou “supuxo un cambio de paradigma fundamental cos nenos, nenas e adolescentes”. Tradicionalmente, detallou o catedrático, este colectivo era visto ata entón como “un obxecto de protección, algo que tiña que ser protexido”. Coa convención, indicou, “o neno pasa a ser considerado suxeito de dereito, xa non é algo que ten que ser protexido senón que é unha persoa por riba de todo e polo tanto titular de dereitos”. Comezaron así, lembrou o experto, 30 anos nos que se fixo “un longo camiño de avances” pero no que “aínda queda moitísimo por facer”. Para acadar eses avances Jorge Cardona apuntou a dificultade non só de cambiar marcos xurídicos senón tamén “mentalidades”, pondo de exemplo a proposta do pin parental. “Estamos vivindo estes días a polémica de se os nenos pertencen aos pais, ao estado… a lei di que os nenos pertencen a si mesmos, son cidadáns, nin os nenos nin os adultos pertencemos a ninguén, somos persoas con plena dignidade”, dixo o catedrático de Dereito Internacional Público.

Ler a nova completa no DUVI